Desnudos masculinos

Desnudos

  Registro: 1096

  Dimensións: 49 x 31 cm

  Técnica: lapis composto e grafito sobre papel

  Categoría: academicismo

Comentario:

Isidoro Brocos móstranos, neste debuxo realizado en lapis grafito, o seu gran coñecemento da anatomía humana ao representar uns espidos con gran mestría, evocando os clásicos helénicos e modelando o corpo con perfección.

No anverso, encontrámonos o debuxo dun home maduro nú e de costas, apoiado nunha columna sobre o seu brazo esquerdo e dando un paso ao fronte co brazo dereito alzado. Esta postura transmite dinamismo á escena e todo isto realízao con gran fidelidade, transcribindo a musculatura do home con detallismo.

Outro aspecto destacado, é o uso de luces e sombras no debuxo que envolven o corpo. O fondo ennegrecido fai resaltar a figura e a súa colocación espacial. 

No reverso encóntranse os debuxos, tamén de espidos masculinos realizados con moito menor detalle que o anterior. En primeiro termo,  un home de frente, apoiado nunha columna coa cara ladeada cara a dereita, que xunto co seu brazo esquerdo álzase ao ceo. A súa cara concentra toda a expresividade, xunto coas mans. Na obra de Isidoro isto era característico, xa que eran os elementos particulares os que remarcaba con maior pormenor. 

En segundo termo hai un estudo/bosquexo doutro home espido de pé, en posición ladeada, mostrándonos o seu perfil dereito.

Nesta obra, Isidoro xoga coa perspectiva, manexando para isto maior ou menor profundidade na concepción das luces e das sombras.